Muuhlloa é unha sociedade que constituímos en 2016 cinco mulleres universitarias coa finalidade de crear a primeira liña de cosmética ecolóxica elaborada con leite de vaca recentemente muxido para a completa conservación dos seus nutrientes e daquelas plantas e produtos tradicionais de Galicia que, tras numerosos estudos analíticos, demostraron posuír inmellorables propiedades para o coidado da pel.
A nosa sociedade é o resultado da unión de dúas iniciativas nadas hai 19 anos na comarca da Ulloa (corazón de Galicia, cuxas principais fontes económicas son a gandaría e a agricultura) que, mediante a recuperación de granxas familiares en decadencia, fomos quen de demostrar as enormes posibilidades existentes dentro do mundo rural.
Estas iniciativas son:
Granxa Maruxa que decidiu continuar coa produción láctea pero reconverténdoa en ecolóxica, á vez que apostou por facer visible as posibilidades dun rural diferente mediante a simbiose do mundo gandeiro e o artístico, servindo de escenario para distintas propostas culturais: exposicións, conferencias, Monterrosón, Festival Agrocuir da Ulloa...
A Cooperativa Milhulloa reconverte unha vella granxa nun laboratorio de ideas para a recuperación, conservación e comercialización de plantas medicinais autóctonas en estreita colaboración coa Universidade de Santiago. Así mesmo foi pioneira en proxectos como a elaboración do grelo ecolóxico deshidratado.
En Muuhlloa, a nosa idea é partindo dunha materia prima idónea para o coidado corporal,- pero curiosamente infravalorada desde o punto de vista do concepto actual de mercado- , poder ofrecer ao consumidor un novo concepto de cosmética moito máis eficiente e claramente sostible.
Tras tres anos de estudo para conseguir a formulación ideal, saímos ao mercado sen ningún tipo de financiamento, esgotando os nosos recursos propios na investigación e desenvolvemento do proxecto. Por iso, a vosa colaboración é agora imprescindible para poder seguir adiante, consolidando os logros xa alcanzados e sacar ao mercado as nosas novas e prometedoras ideas.
Cremos firmemente no noso proxecto, nas posibilidades de investigación e innovación no campo da cosmética e na necesidade de construír un mundo rural máis ecolóxico e sustentable. Só nos falta a túa imprescindible colaboración.
Grazas.
Muuhlloa abrangue desde o cultivo das plantas medicinais ata a obtención dos extractos necesarios que, xunto co leite recentemente muxido, son a innovadora base dos nosos produtos. Actualmente están dispoñibles no mercado os seguintes artigos: leite corporal, loción capilar e crema rexeneradora facial (ver descrición e composición en apartado recompensas).
As esencias do noso proxecto son:
- Crear cosmética ecolóxica e sustentable (certificación BioVidaSana ECOPlus), elaborada cunha alta concentración en principios activos.
- Xerar unha economía colaborativa, Km 0, con empresas rurais e ecolóxicas da nosa contorna ( bagazo de sidra ecolóxica Ribela, alga ulva lactuca de Mar de Ardora, cera de abellas de Polemel, mel de Sovoral, fermento de cervexa de Toupiña...).
- Defender unha economía social apoiando ao pequeno comercio e grupos de consumo.
- Revitalizar e aproveitar o enorme potencial humano existente na nosa comarca e no rural en xeral.
- Recompensar aos pequenos produtores cun prezo xusto na compra das súas materias primas.
Os nosos obxectivos:
- Consolidar e expandir a rede de distribución ao pequeno comercio mediante unha política de trato directo que nos permita evitar as grandes cadeas e distribuidoras.
- Financiar as investigacións xa en curso para a optimización cosmética de proxectos como un xel xampú sen xabón, unha auga micelar e un protector labial.
- Recuperar a flora autóctona para o seu uso nas nosas novas formulacións.
Muuhlloa xurdiu para axuntar os esforzos que xa estabamos a realizar de forma individual co fin de dignificar o mundo rural, demostrando a posibilidade dun desenvolvemento rendible e sostible mediante a elaboración e coidado das materias primas ata a creación de produtos tan altamente tecnificados como a cosmética.
Facer chegar a un consumidor cada vez máis concienciado coa súa saúde e hábitos de consumo unha liña cosmética natural, sen ningún tipo de compoñentes tóxicos ou nocivos, á vez que altamente eficientes. A nosa intención é facer facilmente visible toda a trazabilidade do produto que acaban de adquirir; desde o seu cultivo e elaboración ata as formas de distribución, ofrecendo para iso xornadas de portas abertas na nosa empresa e todo o fluxo de información que os nosos clientes consideren necesario.
Tanto Granxa Maruxa, como a cooperativa Milhulloa, levan 19 anos traballando e innovando no medio rural.
Ambas as iniciativas foron premiadas a nivel nacional pola singularidade dos seus proxectos, o respecto aos animais e ao medio ambiente en xeral.
Somos un equipo de mulleres con formación nos campos da bioloxía, farmacia e o mundo empresarial.
Contamos cun laboratorio rural así como o apoio da Univesidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigacións Agrarias de Lourizán.