Xaruma, é unha asociación de iniciativa social que traballamos principalmente no ámbito da saúde mental. Levamos máis de 10 anos traballando na autonomía das persoas, atendendo anualmente a máis de 70.
Por iso, o ano pasado, decidimos relanzar o proxecto Autonomamente, un proxecto que pretende potenciar a autonomía persoal e social de persoas con trastornos mentais, mediante a adquisición, mellora e mantemento das habilidades básicas da vida diaria. Para iso, necesitamos un fogar onde realizar as actividades, que van desde a aprendizaxe máis instrumental ata a convivencia en comunidade.
O ano pasado comezamos coa reforma da planta baixa do piso, conseguindo así unha maior amplitude, accesibilidade e unha gran mellora enerxética. Isto foi posible grazas á colaboración de moitas persoas que participaron no noso anterior crowdfunding, nesta ligazón podedes visualizar a campaña do 2021: https://www.goteo.org/project/autonomamente
Este ano decidimos continuar este proxecto reformando a cuberta ( reconstrución do tellado), así como mellorando a accesibilidade das escaleiras exteriores, coa instalación dunha plataforma salvaescaleras coa súa consecuente modificación de varanda. Esta modificación entre outras cousas facilitará o acceso a máis persoas e axudaranos a volver levar canto antes as actividades ao piso.
Lembra que a túa achega ten unha desgravación fiscal de ata o 80%. Para mais información: https://www.goteo.org/calculadora-fiscal
Nas imaxes do carrusel podedes observar os grandes cambios que xa conseguimos facer, en parte tamén á vosa axuda.
Características básicas
O obxectivo principal deste proxecto é potenciar a autonomía persoal e social das persoas con trastornos mentais dentro da comunidade a través da adquisición, mellora e mantemento das habilidades da vida diaria.
Para a posta en marcha deste proxecto necesitamos continuar coa reforma do piso, esta vez, realizando a recontrucción do tellado e a mellora da accesibilidade, necesarias para mellorar a autonomía e a seguridade á hora de realizar as actividades.
Este proxecto desenvolverá as súas actividades en dúas esferas da autonomía: a esfera privada (actividades básicas da vida diaria, autocuidado...) e a esfera pública (habilidades sociais, participación no barrio...). Desta forma, fomentaremos a independencia das persoas con trastornos mentais, facilitando o seu acceso ao mundo sociolaboral e reducindo tempos de coidado.
Motivación e a quen vai dirixido o proxecto
O 88% dos labores de coidado e atención a persoas con trastornos mentais é realizado por persoas do ámbito informal, é dicir, familia e amizades. Debido á carga mental, física e emocional que isto provoca, moitas persoas coidadoras acaban desenvolvendo tamén trastornos mentais.
Nove de cada dez persoas (90 %) coidadoras informais no ámbito da saúde mental demandan máis oportunidades de reunión para elas mesmas e máis apoio nos coidados; pero as axudas en dependencia en saúde mental tan só chegan ao 4% das persoas, deixando sen atención a parte da poboación afectada.
É por iso que este proxecto vai dirixido principalmente a persoas maiores de 18 anos cun trastorno mental diagnosticado, ás familias e á comunidade máis próxima. Fomentando a autonomía reduciremos parte da carga da persoa coidadora ademais de intervir de forma directa nas habilidades e capacidades das persoas con trastornos mentais.

Os nosos estatutos reflicten que un dos nosos fins é o de realizar con carácter habitual actuacións de integración de persoas con discapacidade, e, especialmente, para persoas con trastornos mentais. Por iso as nosas principais accións atenden a unha dobre intervención: promover a autonomía de persoas con enfermidade mental e reducir a dependencia destas á súa familia, producindo así unha mellora na calidade de vida de todo o círculo familiar.
Experiencia previa e equipo
Levamos traballando neste proxecto desde o ano 2010, aínda que as súas orixes foron diferentes a como entendemos agora o proxecto.
2010-2012: De unha e dúas semanas do verán alugábase un piso/casa fóra de Vigo e realizábanse actividades da vida diaria e a convivencia. Era algo parecido a unhas vacacións.
2012-2015: De unha e catro semanas no verán alugábase un piso/casa en Vigo e realizábanse actividades da vida diaria e convivencia. Asumiuse esta actividade como unha formación en habilidades básicas para vida autónoma.
2015-2019: De unha e cinco semanas de convivencia no verán, realizando o resto do ano actividades de cociña e limpeza. Enténdense estas actividades como unha aprendizaxe total.
2021-2022:. Comeza a reforma interior do piso. Sabías que xa estreamos a cociña? Desexando rematar a cuberta para poder volver compartir este espazo con máis xente.
Detrás de Xaruma hai un equipo de profesionais do social e da educación con ampla experiencia en saúde mental e, sobre todo, con moita motivación por seguir desenvolvendo proxectos centrados na persoa.